Monday 06 de May de 2024

O presidente da Xunta centrou a súa viaxe a Arxentina e Uruguai na promoción exterior de Galicia e o encontro cos emigrantes


Alfonso Rueda explicou a visita no Parlamento e destacou que o Goberno galego está a desenvolver unha axenda internacional meditada, continuada e ambiciosa

O vicepresidente, Alfonso Rueda, destacou no Parlamento de Galicia que a Xunta está a desenvolver unha axenda internacional meditada, continuada e ambiciosa, cuxos máximos obxectivos son a promoción exterior de Galicia e o encontro coa colectividade galega.

Rueda acudiu ao Pazo do Hórreo para valorar a recente viaxe do presidente da Xunta ás repúblicas de Arxentina e Uruguai. Segundo explicou, Alberto Núñez Feijóo centrou a súa axenda en dúas vertentes: o contacto coa colectividade galega e a promoción das relacións institucionais e dos intereses económicos e culturais de Galicia.

Así, unha das citas destacadas a súa chegada a Arxentina foi a participación na 42 edición da Feira Internacional do Libro de Bos Aires, un dos eventos culturais máis relevantes de Latinoamérica e que este ano rematou co balance dun millón de visitantes e un Premio Especial para o stand de Galicia.

Nesta edición a feira estaba dedicada á cidade de Santiago de Compostela e achegou á cidade a 27 autores e autoras galegos contemporáneos e a un grupo de representantes editoriais que, de seguro, puideron atopar no evento unha plataforma de promoción exterior inmellorable.

Feijóo tamén tivo a oportunidade de reunirse co presidente arxentino, Mauricio Macri, ao que lle expresou o seu desexo de que a nova etapa económica e social que atravesa o país traia novas oportunidades ás empresas galegas en Arxentina e viceversa. Para iso, ofreceu Galicia como “porta de entrada” en Europa, coa intención de estreitar as nosas relacións comerciais e contribuír ao benestar dos galegos e galegas a ambos lados do Atlántico.

Por último, Rueda destacou o encontro que o presidente mantivo coa comunidade galega de Bos Aires no transcurso da multitudinaria celebración cultural “Bos Aires celebra Galicia”, no que a cidade homenaxea aos emigrantes galegos asentados nela, amosando a súa cultura, os seus costumes e a súa identidade.

Promoción económica en Uruguai
No tocante á segunda parte da viaxe, Rueda destacou que a visita institucional do presidente galego á República Oriental de Uruguai centrouse de forma significativa na promoción económica e no contacto co asociacionismo galego.

Neste país, ademais dunha xuntanza coa mocidade galega, o titular da Xunta mantivo un encontro empresarial na Cámara Española de Comercio en Uruguai, no que puxo en valor o tecido industrial e empresarial galego, así como o seu afán emprendedor e a súa capacidade tecnolóxica; deixando patente que Galicia é un bo lugar para investir.

Neste sentido, tamén destaca o seu encontro co presidente uruguaio, Tabaré Vázquez, que se centrou en avaliar as novas oportunidades de colaboración que se poden abrir entre a nosa Comunidade e Uruguai, centrándose no sector das enerxías renovables no que Galicia está a ter un papel punteiro, ao atoparse construíndo os principais parques eólicos mariños de Europa.

Do mesmo xeito, cómpre valorar positivamente que o Goberno de Uruguai, a través do seu presidente, manifestou estar aberto á posibilidade de presentar en Galicia o Proxecto de Infraestruturas do país, cun valor de máis de 12.500 millóns de dólares de investimento.